Marcadores

27 de out. de 2021

A conexión galega coas películas de Zombies: "A noite dos mortos viventes"

     Imaxinade por un intre que estamos nunha casa da cidade da Coruña na década dos 50. Na cidade herculina atopábase Jorge, un cativo estadounidense con raíces galegas que estaba de visita na casa familiar. Unha das cousas que máis lle gustaban ao rapaz era escoitar as lendas de pantasmas que lle contaban súas tías coruñesas.

    Jorge Alejandro Romero naceu en New York en 1940, a súa familia paterna era orixinaria de Galicia, mais o seu avó xa emigrara a Cuba sendo mozo. Cada vez que a súa muller estaba embarazada, o avó de Jorge volvía a Galicia, para que os seus fillos nacesen aquí. Deste xeito, o pai de Jorge naceu na Coruña, pero sendo aínda un cativo trasladárase a EEUU, onde nacerá o seu fillo, Jorge, máis coñecido coma George A. Romero.


O creador dun Monstro Pop

    Romero pasará a historia do cine por ser o creador dun Mostro Pop, o zombi. Un ser cuxa creación tivo coma punto de partida as historias do folclore galego que as súas tías lle contaban de cativo, coma o propio cineasta recoñecería anos despois.

    No ano 1968 Jorge dende New York telefonou á súa tía Pura na Coruña, quería pedirlle un favor: precisaba cartos para poder levar a cabo un proxecto que levaba tempo argallando, unha película de terror cunha trama nunca antes vista, onde unha nova criatura converteríase no pesadelo do público. Os argumentos que lle deu deberon ser moi convincentes xa que Pura Romero accedeu a financiar parte do filme do seu sobriño, A Noite dos Mortos Viventes (Night of the living dead).

    O filme Night of the living dead sería todo un éxito xa que custou 144000 dólares e recadou 42 millóns, converténdose na rocha nai da que nacería todo un xénero que hoxe está en pleno apoxeo con series, películas, novelas, cómics, etc. que arrastran lexións e lexións de seguidores e que teñen coma epicentro o arquetipo cultural creado por Romero.

  Coñecer a relación entre a primeira película deste xénero e Galicia debémoslla a un autor que tamén acadou a fama a nivel mundial grazas á criatura de Romero, o escritor pontevedrés Manel Loureiro, cuxa obra Apocalipse Z foi best seller en EEUU. Para Loureiro son varias as influencias que ten este monstro xa que bebería da tradición haitiana (de onde é orixinaria a verba zombi) e de raíces galegas e xudeas, o golem da tradición hebrea medieval sería o antecedente do zombi creado polo home e que comparte co morto vivinte un único punto feble na testa.

    (A propósito, a tía Pura non recuperou nin un peso do diñeiro investido: Ao distribuidor do filme esqueceulle agregar o símbolo de dereitos de autor nos créditos do filme, así que A noite dos mortos viventes pasou a ser de dominio público tras a súa estrea e posiblemente grazas a isto a súa popularidade  disparouse. Pero esa é outra historia...)

 (Extraído de: https://revistaorballo.com/2017/11/01/a-noite-dos-mortos-viventes/)

Nenhum comentário:

Postar um comentário