6 de fev de 2013

O anel da vergoña

Deixamos aquí unha carta dun lector do Faro de Vigo, moi interesante.


Anel de vergoña

Iolanda Teijeiro Rey - Ferrol

01.02.2013 | 07:32
Unha disposición de vintedous de xullo de 1837, encamiñada a promover o uso exclusivo do castelán aconsellaba o seguinte recurso pedagóxico: entregar un anel a un alumno o primeiro día da semana; cada vez que o posuidor da prenda escoitara falar en idioma diferente ao castelán (léase galego), entregaríalle o anel a aquel alumno que ousase falalo, e así, de cote, ata a fin de semana en que o probe ignorante que ficase co anel sería duramente castigado.
Hoxe, a meirande parte dos alumnos galegos, ao chegar a clase os luns, seguen a matarse por desfacerse deste anel da vergoña de falar na lingua propia de Galiza que é o galego, non o castelán. E que o galego sexa a lingua propia de Galiza debémosllo a todo o pobo que foi quen de seguir a falalo durante séculos a pesares da aldraxe e o asoballamento, da doma e da castración que padecimos e padecemos dende o reino de Castela.E tamén aos que hoxe erguémonos para defendelo. O anel da vergoña aínda o levan os meniños galegos que empezan o preescolar e non teñen colexio onde os eduquen na súa lingua nai. O anel da vergoña está no decreto de Feijóo, na reforma da Wert-goña da Meseta. O anel da vergoña é ter que levar enriba un traductor simultáneo cada vez que exercemos o dereito a vivire en galego na nosa Terra. Pedir unha macela e, perante a faciana abraiada do camareiro, ter que engadir: camomila, manzanilla, ho! Ou estar a practicar tai chi e ter que dicir cóbado-codo, xeonllo-rodilla, coteno-nudillo, queixo-mentón... sen poder descansar un intre, cando te dirixes a persoas que naceron e viviron toda a vida en Ferrol, e Ferrol é unha cidade galega, alomenos oficialmente. O máis vergoñento do anel da vergoña non é a deshonra dos devanceiros, a propia deshonra, senón a indignidade de milleiros de galegos avergoñados que morren por pasarlle o anel que o sinala coma galego a outro e vender o seu e aos seus sen precisar xa de ningún castigo ameazante!
Polo menos noutros séculos eran estranxeiros, reis castelás os que nos impuñan a lingua castelá. Agora póñennos o anel aqueles que enchen a boca coa verba liberdade (de lingua, de escolla...) e non falan galego nin o dezasete de maio: AGLI, MLL, GB... Tan gallego como el gallego, que utilizaron nenos de primaria para recoller sinaturas contra a nosa lingua. Eses desleigados que confunden á lingua cos falantes e loitan contra a normalización lingüística porque din que a normalización non define como normais aos castelánfalantes. Din que se opoñen a calquera discriminación por razón de lingua. Mais eu nunca os vexo contra a discriminación dos galegofalantes, cando é maioritaria. Nunca os vexo nas manifestacións polos dereitos lingüísticos negados en séculos de historia ata hoxe. Non os vexo reclamando medios en galego, ensino en galego... onde non chega, que é en toda Galiza. Seica para eles a liberdade é a liberdade do diñeiro. E se non hai oferta é porque non hai demanda. A trola da lei de libre mercado aplicada á lingua asoballada! Cando eliminaremos este anel da vergoña? Vivamos coma galegos, mais non só de figuríns na publicidade.



Fonte orixinal: Faro de Vigo. 01/02/2013
http://www.farodevigo.es/cartas/2013/02/01/anel-vergona/750155.html

Nenhum comentário:

Postar um comentário