Marcadores

25 de out. de 2012

O Consello de Europa censura a política lingüística da Xunta




Outro duro informe europeo contra a política lingüística da Xunta. O Comité de Ministros do Consello de Europa vén de aprobar as recomendacións a España con motivo do terceiro ciclo de seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, nos que analiza a situación dos idiomas cooficiais no Estado. Non deixa en moi bo lugar ao Goberno de Feijóo que, tal e como se prevía, atoparase de novo con fortes críticas ao seu tratamento á lingua propia no comezo do seu mandato.

PREME NA  IMAXE PARA ACCEDER AO ARTIGO ORIXINAL

A razón de G. B.

Deixámosvos aquí unha irónica carta que Ana Martínez Piñeiro dirixiu ao xornal "Faro de Vigo". Esperamos que vos guste e vos invite a reflexionar.

Veño de ler neste xornal un artigo segundo o cal Galicia Bilingüe denuncia a imposibilidade de vivir en castelán nos colexios galegos.
Escribo esta carta para amosar o meu total apoio a esa teoría. Eu aínda diría máis, vivimos nun país no que é imposible vivir en castelán.
Voulles contar a miña historia. Teño dous fillos aos que sempre falei en castelán. E así falaban eles, ata que comezaron a ir ao colexio público. Con tres anos abandonaron totalmente a súa lingua materna, e agora só falan galego. Só len en galego. Só escriben en galego. Viven nun mundo tan altamente galeguizado que me miran con extrañeza porque falo castelán, e incluso me preguntan por que non son coma todo o mundo, por que non falo en galego. Pero se fosen só as mestras... Os compañeiros e compañeiras, os seus pais e nais, as profesoras das actividades extraescolares... pero tamén as caixeiras do supermercado, os carteis de todos os comercios vaiamos onde vaiamos, a pediatra, o persoal do banco, a fisioterapeuta, todo o mundo que nos rodea fala en galego. Os impresos do Sergas, os recibos dos bancos, as propagandas de fontaneiros, mesmo os xornais, este mesmo, no que, de 76 páxinas, non puiden atopar nin unha soa noticia en castelán!!! Por non falar dos debuxos animados, por máis que busco, só nunha canle botan programas infantís en castelán.
É certo: nesta cidade na que vivo non hai xeito de facer unha vida normal en castelán. As persoas castelán-falantes estamos totalmente discriminadas e temos que chegar a facer xuntanzas especiais nos parques para que os nosos fillos poidan escoitar falar castelán con normalidade. Eu mesma non sei por que estou a escribir en galego. Será que á fin conseguiron adoutrinarme sen eu querelo.
Un saúdo e forza a todas as persoas que, coma min, se senten estranxeiras no seu país por mor de usar a súa lingua.

FONTE: http://www.farodevigo.es/cartas/2012/10/24/razon-galicia-bilingue/701511.html

"...Mais só os ignorantes, e féridos e duros, imbéciles e escuros, non nos entenden, non..."

9 de out. de 2012

Xogos Tradicionais

Da colaboración entre a Asociación XOTRAMU (Xogos Tradicionais de Muimenta) e a Fundación TIC, xorde esta interesante páxina con diversos vídeos sobre os xogos tradicionais galegos.



13 de set. de 2012

"E á educación no rural, quen a rescata?"

Artigo do xornal Praza arredor do inicio do curso escolar 2012-13.
Preme na imaxe para acceder ao artigo.

Cruzando o arco de Xelmírez

11 de set. de 2012

O valor internacional do galego

A Federación Galega de Parques Empresariais ven de iniciar unha campaña baixo o lema O galego, chave para os teus negocios no mundo, coa que se pretende achegar a nosa lingua ao mundo empresarial e evidenciar a súa utilidade para crear conexións con outros países onde o castelán non conecta, ou conecta peor. Artigo de Valentim Fagim (PREME NA IMAXE).

http://pglingua.org/images/stories/fotos/2012/09/100912_o_galego_chave.jpg

6 de jun. de 2012

O ensino en galego na Educación Infantil

A Mesa pola Normalización Lingüística constata que na educación infantil das sete cidades galegas (até os seis anos) a presenza da lingua propia do país “decaeu de forma notoria nos anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo” e calculan que este descenso a sitúa mesmo por debaixo do 10%. A Mesa anima as familias a responderen “galego” nas matrículas de Educación Infantil, “pois é o único xeito de garantir unhas competencias mínimas tamén na lingua do país”.

PREME NA IMAXE PARA MÁIS INFORMACIÓN

1 de jun. de 2012

Enquisa sobre a língua aos pais de Educación Infantil

Desde a Coordinadora Galega de equipos de normalización lingüística, achegamos esta nota informativa aos pais que van matricular aos seus fillos en Educación Infantil, arredor da lingua que queren que se empregue na aula.



Xunto á documentación para formalizar a matrícula  na etapa de Educación Infantil, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria envía unha enquisa na cal se pregunta pola lingua materna do neno ou da nena. As dúas opcións que se ofrecen son castelán ou galego.

As familias debedes saber que  o resultado da devandita enquisa establece a lingua que se vai empregar na aula durante os tres cursos da etapa de Educación Infantil.

Se desde a escola se vos pide ás familias que decidades, debedes ter toda a información  para facelo de xeito responsable, sendo conscientes das consecuencias que a vosa escolla terá no futuro.

Hai moitas razóns polas cales cómpre elixir o galego para os nosos nenos e nenas:

- Porque necesitan competencia nas dúas linguas para poderen no futuro decidir cal queren usar.

- Porque é un momento decisivo na súa aprendizaxe e deben saber que o galego é tamén unha das linguas da escola.

- Porque mellorarán a competencia en castelán e noutras linguas.

- Porque chegarán con mellor preparación ao ensino primario.

- Porque poñerán en valor o que lles pertence como galegas e galegos.

- Porque renunciar a que o galego forme parte do ensino infantil,  supón  perder a oportunidade de ilo integrando de xeito natural e sen ningunha dificultade.


Está na vosas man facer unha escolla responsable.