Marcadores

27 de out. de 2021

A conexión galega coas películas de Zombies: "A noite dos mortos viventes"

     Imaxinade por un intre que estamos nunha casa da cidade da Coruña na década dos 50. Na cidade herculina atopábase Jorge, un cativo estadounidense con raíces galegas que estaba de visita na casa familiar. Unha das cousas que máis lle gustaban ao rapaz era escoitar as lendas de pantasmas que lle contaban súas tías coruñesas.

    Jorge Alejandro Romero naceu en New York en 1940, a súa familia paterna era orixinaria de Galicia, mais o seu avó xa emigrara a Cuba sendo mozo. Cada vez que a súa muller estaba embarazada, o avó de Jorge volvía a Galicia, para que os seus fillos nacesen aquí. Deste xeito, o pai de Jorge naceu na Coruña, pero sendo aínda un cativo trasladárase a EEUU, onde nacerá o seu fillo, Jorge, máis coñecido coma George A. Romero.


O creador dun Monstro Pop

    Romero pasará a historia do cine por ser o creador dun Mostro Pop, o zombi. Un ser cuxa creación tivo coma punto de partida as historias do folclore galego que as súas tías lle contaban de cativo, coma o propio cineasta recoñecería anos despois.

    No ano 1968 Jorge dende New York telefonou á súa tía Pura na Coruña, quería pedirlle un favor: precisaba cartos para poder levar a cabo un proxecto que levaba tempo argallando, unha película de terror cunha trama nunca antes vista, onde unha nova criatura converteríase no pesadelo do público. Os argumentos que lle deu deberon ser moi convincentes xa que Pura Romero accedeu a financiar parte do filme do seu sobriño, A Noite dos Mortos Viventes (Night of the living dead).

    O filme Night of the living dead sería todo un éxito xa que custou 144000 dólares e recadou 42 millóns, converténdose na rocha nai da que nacería todo un xénero que hoxe está en pleno apoxeo con series, películas, novelas, cómics, etc. que arrastran lexións e lexións de seguidores e que teñen coma epicentro o arquetipo cultural creado por Romero.

  Coñecer a relación entre a primeira película deste xénero e Galicia debémoslla a un autor que tamén acadou a fama a nivel mundial grazas á criatura de Romero, o escritor pontevedrés Manel Loureiro, cuxa obra Apocalipse Z foi best seller en EEUU. Para Loureiro son varias as influencias que ten este monstro xa que bebería da tradición haitiana (de onde é orixinaria a verba zombi) e de raíces galegas e xudeas, o golem da tradición hebrea medieval sería o antecedente do zombi creado polo home e que comparte co morto vivinte un único punto feble na testa.

    (A propósito, a tía Pura non recuperou nin un peso do diñeiro investido: Ao distribuidor do filme esqueceulle agregar o símbolo de dereitos de autor nos créditos do filme, así que A noite dos mortos viventes pasou a ser de dominio público tras a súa estrea e posiblemente grazas a isto a súa popularidade  disparouse. Pero esa é outra historia...)

 (Extraído de: https://revistaorballo.com/2017/11/01/a-noite-dos-mortos-viventes/)

21 de out. de 2021

RADIO RESIO Programa do 21 de outubro

Voltamos coas emisións radiofónicas de RADIO RESÍO, desta volta acompañados polo alumnado de 4º e6º de Primaria. Agardamos que vos guste:


PREME AQUÍ


 

Exposición de cabazas na escola do Resío

Animamos a todas as familias a participaren na nosa tradicional Exposición de cabazas de Samaín. A partir do luns 25, podedes traer as vosas creacións terroríficas feitas con cabazas, coas que espantaremos os malos espíritos da nosa escola. Con elas faremos unha exposición no noso "túnel do terror". 

Se nos fixestes nunca unha cabaza de Samaín, só tedes que seguir estas instrucións: 

1- Escolle unha cabaza segundo as túas preferencias: alongada, redonda, grande, mediana... Recomendámosvos que non escollades unha cabza demasiado grande nin pequena, pois son máis difíciles de traballar. Máis que a súa forma, o importante é que comprobedes que non é demasiado dura para traballar con ela. 

2- Coa axuda dun adulto, fai un burato pola parte superior da cabaza, (onde está o rabo). Faino con coidado, para que poidas usar de tampa a parte pola que furaches a cabaza. Ten que ser un burato suficientemente amplo para poder obrar por dentro da cabaza con facilidade. 

3- Cunha culler grande, baleira o interior da cabaza (podes gardar as sementes para a primavera). Ten conta de deixala ben limpa, pero con coidado de non furar as paredes da cabaza. 

4- Fai o teu deseño cun lapis sobre a cabaza. Bótalle imaxinación!! Ponlle ollos, nariz, un sorriso monstruoso...Tamén podes buscar modelos que te inspiren en Internet. 

5- Coa axuda dun adulto, vai facendo buratos sobre o deseño que fixeches en lapis na túa cabaza. 

6- Podes complementala co que se che ocorra, para que a túa sexa a cabaza máis fashion de toda a exposición. 

7- Trae á escola a túa cabaza cun papeliño no que figuren o teu nome e curso. 

A TRABALLAR!! 

O venres 29 deberedes levar de volta a vosa cabaza, para que vos acompañe ao longo da festividade do Samaín.

18 de out. de 2021

IV Concurso de Microrrelatos de Medo e Misterio

Este ano as familias volven ter a gran oportunidade de gañar o gran premio que damos, pero non é tan faciliño e, hai que facer un microrrelato que trate dunha historia de medo, ou tamén pode ser unha historia de misterio. Recordade que a temática terá que ser o Samaín. 
As diferentes CATEGORÍAS nas que poden participar os vosos relatos son: 
- ALUMNO/A: Aquí dentro encerraremos os relatos que estean feitos exclusivamente polos monstros máis pequeniños que temos nesta escola, os nenos e nenas de todos os cursos! 
- FAMILIAS: Esta vez encerraremos nesta categoría os relatos que estean feitos polos alumnos e tamén polos pais e nais. 
 
NORMAS para os relatos: 
1- Estes grandes e fabulosos microrrelatos terán que estar elaborados en Lingua Galega. 
2- O tema ten que ser de medo ou de misterio. 
3- Deben de durar como moito 1 minuto e medio. 
4- Poden realizarse nas modalidades de Audio e de Video
5- Cando xa teñades os microrrelatos feitos, tedes que envialos por unha destas canles: 
· E mail: juanlf@colexiorocio.com 
· WhatsApp da nosa escola 658715569 
· Traer á escola nun Pen drive 
6- Non vos olvidedes de que o último momento no que se pode entregar é no día 25 de outubro ás 23:59h
 
O día 29 de outubro revelaremos a resposta da pregunta que toda a escola estarase preguntando: quen gañou? cales foron os relatos finalistas?. 
Os creadores dos microrrelatos gañadores levaranse ás súas casas uns premios realmente fantásticos, terribles e arrepiantes. 
Os microrrelatos de misterio e medo serán avaliados tendo moito en conta os seguintes criterios: 
-A corrección idiomática 
-Os efectos especiais 
-A participación do alumnado 
-A entonación 
-A estrutura: inicio, nó, e desenlace.